miércoles, 30 de junio de 2010

Máis cousas sobre o programa de Trevenatio



Bos días a todos e todas!
O concello da Veiga está a ultimar os detalles dunha das súas citas imprescindibles cada ano: Trevenatio. A feira, que edición tras edición ten máis visitantes, contará este ano cun slogan que define o seu obxectivo principal, ser a gran festa da natureza.
Enmarcada nun ámbito inmellorable, a praia dos Franceses será, un ano máis o punto de partida para os que se acheguen estes días a este canto de Ourense. Nesta situación terá lugar a exposición de postos de numerosas entidades e colaboradores que non quixeron faltar a esta cita anual. Máis de 1.500 metros cadrados de exposición onde o medio e a conservación serán protagonistas.

I Concurso fotografía ambiental Trevenatio
Unha das novidades desta edición, é a celebración do I Concurso de Fotografía Ambiental "Trevenatio", que premiará con 500, 300 e 150 euros as mellores instantáneas sobre o ámbito e a natureza do municipio da Veiga. O prazo para participar xa está aberto e as bases pódense consultar no blog de Trevenatio http://trevenatio.blogspot.com/. O fallo do xurado dará lugar á exposición das fotografías participantes e á entrega de premios durante a celebración desta edición da feira.

Actividades para todos

Ante os ollos do chamado teito de Galicia, Pena Trevinca será testemuña dunha morea de actividades para todos os públicos e idades. O deporte ao aire libre será un denominador común durante os tres días que durará Trevenatio.
A día de hoxe, prevese a asistencia de máis de 600 deportistas e afeccionados que simultáneamente e en diferentes situacións do municipio, desenvolverán diferentes actividades. Piragüismo, pesca, rutas en bicicleta, sendeirismo, orientación, tiro con arco, son só unha pequena parte do total. E é que a extensión do municipio e as múltiples posibilidades que ofrece, dende a alta montaña ata a praia Dos franceses, converten á Veiga no lugar idóneo para unha cita multidisciplinar, que xunte o deporte, medio e postos.
 
Trevenatio para nenos
Outro dos puntos fortes do programa que ofrece esta edición 2010, é a participación infantil. A organización pretendeu que os nenos sexan protagonistas no medio natural e para iso instalaranse tirolinas, haberá cuentacuentos en directo, talleres de maxia, actividades de orientación para os máis pequenos e diversos talleres especiais.

Unha cita gastronómica

Potenciar a gastronomía galega e en especial a de Ourense e das terras da Veiga é unha prioridade para a organización deste Trevenatio. Para conseguilo o concello conta coa colaboración da Asociación de Hostaleiros do municipio que repiten cunha iniciativa que obtivo grande éxito edición tras edición. Elaborarase un tícket para realizar unha ruta gastronómica polos diversos establecementos da Veiga onde se degustará un pincho diferente. Unha forma de que todos os se acheguen estes tres días, poidan coñecer a excelente cociña da zona.
Pero por se isto fose pouco, o venres 16, terá lugar unha cata de viños no recinto principal que achegará a expertos a unha zona tan famosa polos seus caldos como é a bisbarra de Valdeorras.

Un padriño de excepción acompañado da mellor música
En canto ao calendario confirmado polo momento, dicir que o humorista Moncho Borrajo será o encargado de ler o pregón desta edición, o sábado 17 á 13:00 horas e que a noite do mesmo sábado, -ás 22:30 h. -, a música percorrerá as Terras Altas de Trevinca coa celebración dun concerto de Mutenrohi. Tras a actuación destes magos do folk, seguirá a festa cunha verbena popular.

No hay comentarios:

Publicar un comentario