Mostrando entradas con la etiqueta fauna. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fauna. Mostrar todas las entradas

viernes, 25 de junio de 2010

A VEIGA: por un futuro sostible


Escrito por Victorina Rey, bióloga

Na actualidade a paisaxe debe ser considerada como un sistema (visión holística) no que interactúan o medio ambiente e a ordeación do territorio, de xeito que o equilibrio entre ámbolos dous vai determinar o mantemento dos espazos naturais sen impedir o desenvolvemento que as sociedades modernas queren conquerir.

É responsabilidade das autoridades políticas, sobre todo de ámbito local, coñecela importancia dos bens paisaxísticos do seu contorno, protexelos e posibilitar que contribúan a unha mellora na calidade de vida dos veciños sen poñer en perigo o seu disfrute polas xeracións futuras ( Informe Brundtland no que se define por 1ª vez o concepto de desenvolvemento sostible incorporado a tódolos programas da ONU e que servíu de eixe para a Cumbre da Terra de Río de Janeiro en 1992 ).

A mellor maneira de entender isto e buscar un exemplo clarificador. En Galicia hai moitos, pero hoxe imos escoller un ben representativo: A Veiga (Ourense).

O concello de A Veiga, está enmarcado na comarca de Valdeorras xunto con Carballeda de Valdeorras, Rubiá, O Barco, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, Petín e O Bolo. Das súas serras xorden regatos que se aúnan para dar orixe ó Xares un dos afluentes do río Bibei que deixa tódalas súas augas no Sil para que faga caudaloso ó río Miño.

O río Xares nace en Pena Trevinca (con 2.127 metros é a maior altitude de Galicia), cunha grande potencia no seu primeiro tramo, baixa rápido e encaixado, e dicir, a súa capacidade erosiva permítelle afondar nos materiais e introducirse neles, de xeito que o val fluvial está ocupado polo río na súa totalidade. No seu percorrido faise coa auga do Meladas, Requeixo e o Corzo e reflicte na tona cristalina os penedos que o envolven agarimosos, núos no inverno e cubertos con toda a súa explosión de cores no verán. O Xares brincadeiro acomoda as súas augas ó ir chegando á depresión da Veiga onde deixa parte dos materiais que transporta para formar unha chaira na que o val está ocupado polo río e os aluvións. Esta artesa fluvial ten un nome moi galego: unha veiga onde os sedimentos foron a orixe de terras de labor fértiles que abriron a porta os asentamentos humanos da comarca. Sestea o Xares na Veiga, non se detén, racha o bordo da penechaira na Alberguería e, unha vez máis cinguido ás veiras atravesa a zona “das costas” para logo, paseniñamente regalarlle toda a auga ó Bibei en Portomourisco (Petín).

O Xares sorprende, asombra, conquista con tódolos sentidos: o balbordo nas fervenzas e remuiños, o cheiro a limpo das augas rebulidoiras, a composición pictórica dos vales monocromáticos no inverno de nevaradas… todo como resultado da interacción auga – terra, río – rocha, porque a natureza desta determina as formas do relevo. Son rochas metamórficas de idade cámbrica ou precámbrica nas terras altas e granitos hercínicos no resto, porque o Xares, sempre o Xares vainos levar a orixe, cando Galicia se ergue como parte das terras emerxidas do Macizo Hespérico como xerme máis antigo do que logo ía ser a Península Ibérica. Fainos viaxar no tempo cára o inicio do Paleozoico onde os terreos galegos afundidos se acumulan nunha cunca de sedimentación ou xeosinclinal que se vai desenvolver ó longo de 200 millóns de anos ata que no periodo Carbonífero se inicie a oroxenia Hercínica, e dicir, un proceso polo que se vai levantar Galicia e permitir que saian ó exterior os granitos que se fixeron no interior da codia continental, ó mesmo tempo que se van metamorfizar os materias areosos e arxilosos do fondo da cunca sedimentaria para dar orixe a metagrauvacas (areiscas metamorfizadas) e xistos.

Na Veiga podemos ver relevos de rochas vellas, antigas que, no contexto dunha Terra dinámica, rexuvenecen no Terciario e son modelados no Pleistoceno (Cuaternario) por mor das glaciacións que padecerá todo o norte de Europa e tamén as serras orientais galegas.

O glaciarismo cuaternario deixou a súa pegada na Veiga en forma de

• vales en U como o do Meladas que fai sitio nun bosque de ribeira onde se suceden bidueiros, ameneiros, sanguiños…

• de circos glaciares hoxe ocupados por lagos como o Ocelo ou o da Serpe.

Se as pedras se deixan modificar pola auga, polo xeo, co tempo, moito tempo, ese terreo rematará por permitir a presenza de vexetación que será a máis axeitada para as condicións edáficas e climáticas da zona. Da interacción destes factores deriva a eclosión dun terreo que mestura árbores, arbustos e herbas nunha harmonía de tamaños, formas e cores que tódolos anos volve á Edreira, Ponte, Vilanova, Lamalonga…

A Veiga, pola súa historia xeolóxica e xeomorfolóxica conformou un conxunto faunístico e florístico que debe ser preservado e protexido porque exerce unha múltiple función social, económica e cultural.